A escola abre esta nova porta ás familias para que compartades aínda máis o día a día das vosas nenas e nenos. Esperamos que disfrutedes con nós desta aventura!

16 de diciembre de 2012

VOLTAMOS!!!

Este venres fixemos a presentación  das novas instalacións e o luns por fin empezamos.  Queremos agradecer a tod@s o voso esforzo e paciencia durante estes meses. Que vos pareceu o resultado?


 

9 de noviembre de 2012

SOMOS BEBÉS

A escoliña é o primeiro grupo de convivencia fóra das familias onde estamos a coñecer os nosos primeiros amigos e amigas. Xuntos imos xogar e medrar. Disfrutemos destes anos tan emocionantes!

Damos a benvida a Álex, Antón, Conrado, Lía, Nicoló, Inés e Laura: cada un de vós único e irrepetible. Menudo equipo!!! O que vai saír de aquí!!!


            

25 de octubre de 2012

ESTAMOS NO VENTORRILLO!!!

Esta escola é moi grande!!! E a nosa clase, inmensa!!! Moitas grazas a todo o persoal deste centro por compartila.
Nós tamén estamos enormes. Medramos moito dende o curso pasado e seguimos tendo gañas de aprender e investigar. Xuntos nestes dous meses, xogamos e traballamos un montón.  


            

24 de julio de 2012

FESTA DE FIN DE CURSO 2011-2012

O último venres de xuño fixemos tremenda festa  no xardín. Xuntámonos pais, fillos, avós, tíos, primos e o persoal da escola... todos axudando a facer desa xornada un día tan especial. Pasámolo xenial!

Acompañáronnos ao comenzo  Pablo Díaz e Diego Barral coa súa música e cancións.
Houbo despois moitas actividades e obradoiros organizados polas familias: tatuaxe, maquillaxe, globoflexia, pintura de uñas, contos e decoración de galletas e bandexas.

No xantar contamos coa inestimable colaboración dos irmáns e primos camareiros que despois de servir a comida aos pequeniños, fixeron chegar aos maiores degustacións do máis multicultural. Probamos especialidades búlgaras, arxentinas, uruguaias, bolivianas, brasileiras, colombianas, peruanas, andaluzas e galegas ... Mmm!
Para asentar todas estas ricuras, que mellor que un té marroquí?

As vivencias desta xornada quedan plasmadas neste fantástico video. Gratitude sen fin ao seu autor Alberto,  pai de Leo Castaño. Menudo regalazo!


 





17 de julio de 2012

ANIVERSARIOS

Celebramos os últimos aniversarios do curso.
Cumpliron dous anos: Chencha Candal e Mateo Otero. E os tres: Zaira Giménez, Alexander Touriño, Naiala Jiménez, Mario Pereira, Luis Jiménez, Jasmina Fraga e Brian Jiménez.
Fantástico, seguide así!!!



29 de junio de 2012

OS AVÓS


Porque sodes incondicionais fans dos vosos netos e compartides con eles gustos, tempo e vivencias; queremos deixar estas imaxes como testemuña dalgunhas das moitas cousas que vos unen. 
Aos que aparecen nas fotos e aos que non puideron participar, moitas grazas pola vosa colaboración durante o curso. 
Avós e nenos, sodes un amor!!!


6 de junio de 2012

Á GRANXA!!!

Que mellor para empezar o mes que montar no autobús e visitar a Maruja e José na súa casa de Andeiro. Alí demos de comer ás vacas, montamos no cabalo, subimos aos tractores, vimos os invernadoiros, xogamos cos canciños, perseguimos galiñas...uff!
Ía moita calor e ó final fixemos un descansiño á sombra diante do hórreo para beber e tomar galletas e alfajores. Deliciosos!!!
Grazas por axudarnos a pasar unha xornada marabillosa!

29 de mayo de 2012

MÁIS ANIVERSARIOS

Parabéns a: Alex Shubitidze (o máis pequeniño da escola), Adrián Meijide, Leo Vara e Samuel Otero. Sodes uns rapaces estupendos. A medrar!!!!

25 de mayo de 2012

QUE VIVAN OS MERCADOS TRADICIONAIS!!!

Hai que voltar aos mercados e feiras. Nós fomos durante tres días ao de San Agustín e como disfrutamos! Vimos e tocamos produtos novos, eliximos o que queriamos levar, pagamos do noso moedeiro, probamos ... estaba todo riquísimo. Un mundo de cores, aromas e sabores.
A xente que nos atendeu...encantadora. Ánimo praceiras!!!



23 de mayo de 2012

PRISCILA E O " GUANTE LULÚ"

A tía de Lucas, que é tamén a  nai dos  primos (si, eses dos que tanto nos fala o noso amigo), contounos a historia do "Guante Lulú". Veu o venres 16 e trouxo uns monicreques moi bonitos que fixo ela mesma... ademáis entramos no guiñol e puidemos xogar con eles.
             GRAZAS PRISCILA POR FACERNOS RIR!!!

 

20 de mayo de 2012

O NOSO HORTO

A nós, realmente o que nos gusta é andar na terra e na auga. Con este pequeniño horto conseguímolo. Ademais aprenderemos a coidar as plantas e se o facemos ben, comeremos leitugas, cabaciñas e amorodos.






18 de mayo de 2012

FIXEMOS PAN !!!

Rosquillas, galletas e ... agora pan. Moito nos gusta amasar! É que non  temos prezo como panadeiros!
O día 15 puxémonos mans á obra. Primeiro lavámonos ben  e así remangados extendimos fariña polas mesas (chan e roupas tamén). Eva  misturou os ingredientes: auga morna , fariña, sal e fermento. Puxemos a levedar  a masa ao sol e... a traballar. Fixemos os boliños e directos ao forno. Aínda quentes ían os que levaron os nenos que marchan despois de comer.
Que opinades, estaban ricos ou riquísimos?
       
 

15 de mayo de 2012

LORENA E O SEU SAQUIÑO DE CONTOS

Lorena, á parte de ser unha famosa contacontos, é a tía de Tomás (e isto é aínda máis importante). O mércores tróuxonos á escola libros da súa biblioteca e contóunolos ...de rechupete.


  

14 de mayo de 2012

MÚSICA E CANCIÓNS CON JOCILDO

O venres 4, estabamos a rematar a celebración do aniversario de Martina e Sara Morgade ...

   
 

...cando chegou Jocildo, o pai de Lucas, coa súa guitarra. Fíxonos unhas maracas con dous vasiños e así puidémolo  acompañar. Toca e canta cancións moi chulas en portugués, chinés, inglés... Grazas por  vir!

30 de abril de 2012

OLALLA GONZÁLEZ E MARC TAEGER NA ESCOLA

O venres 27 tivemos a honra de recibir a visita de tres persoas moi especiais: Olalla, Marc e Aroa. Son a adaptadora,  o ilustrador e  a "súa garavanciña" do noso conto  do Antroido.
Cada un deles aportou o mellor de seu para facernos pasar unha mañá deliciosa. Olalla, coa grande  capacidade que ten para  captar co seu relato a atención dos meniños, que contemplaban extasiados como Marc, o artista, debuxaba ao mesmo tempo a historia. Colaboradora e xenerosa Aroa que pintou, cantou e compartiu os seus pais connosco. Bravo por ela!!! 


    

CÓNTAME UN CONTO!!!

Na escola, dende os bebés ata os grandes, todos disfrutan moitísimo cos contos. Sabedes que diariamente hai un tempo dedicado a contalos, miralos e tocalos.
Escoitar contos e participar dunha historia non é calquera cousa: comezamos a entender o mundo a través deles, despértannos a curiosidade, a fantasía, as ganas de saber máis e de falar do noso.
Contalos non é nada sinxelo: aí está a habilidade do contador para avivar no neno todas esas emocións. A nosa recomendación é que practiquedes, que lle dediquedes un tempiño e xa veredes como o resto vai rodado... 




Durante tres días achegámonos con distintos grupiños, papás e avós á Biblioteca Municipal de Monte Alto coa idea de abrir un espazo novo de lecer para os peques. Un lugar cheo de historias marabillosas no que disfrutar un rato (de entrada uns minutiños) e sobre todo onde elixir libros e miralos na casa. 


 


AS GALLETAS DE LARANXA

Ultimamente estamos dun atarefado coas comidiñas... 
Cos pais de Alejandra, Jhancarla e Alejandro, fixemos nada menos que galletas. Mmm!
Aí vai a receita: (a medida dos ingredientes é unha cunquiña).

Quéntase media de aceite de oliva e  deixase enfriar. Nunha fonte bótanse 150 gr. de manteiga, o aceite, media de zume de laranxa, unha de azucre, unha xema de ovo e a raiadura de laranxa. Mistúrase todo ben e  vaise engadindo fariña ós poucos ata conseguir unha masa fina que non se pegue nas mans. Fórmase unha bola  e espolvoreámola con fariña e tamén a mesa onde lle daremos forma co rodillo. Unha vez feita a plancha de masa, facemos as formas das galletas con vasos ou outros moldes. Vánse sacando as figuras e colócanse sobre unha fonte cuberta con papel de forno para que non se peguen.Tamén podemos pintalas con ovo batido.
Cócense a forno forte ata que estean douradas. 


Mirade, mirade...



13 de abril de 2012

OVOS DECORADOS

Onte visitounos Merce a nai de Antón. Ocurríuselle que podiamos decorar  ovos, xa que estes días se ven moito nas confitarías. Cavilando, cavilando pensou en adornalos con "gomets" de cores.
Como son moi fráxiles, Lola coceunos antes. Merce explicou que lles podiamos pegar os ollos, a boca e tamén un vestido...quedaron moi orixinais! Algún ía rompendo e así tamén puidemos probalos, tiveron moito éxito de ricos e de bonitos!


 

 

Que vos parece?

QUE DIVERTIDO É FACER BATIDOS!

O luns 26 de marzo visitounos Gerardo, o pai de Mario, que fai uns batidos riquísimos. Con el decoramos  os vasiños, cortamos as froitas,  botámolas na batidora cun chorriño de mel, apretamos o botón e...maxia! 
Estaban deliciosos!
Por se queredes facelos na casa aí vai a receita: mesturamos na batidora amorodos, plátanos maduros, leite e mel. Estampamos os vasos en xarope e azucre e puxemos unhas palliñas adornadas con guindas.
É moi entretido! 




3 de abril de 2012

ANTROIDO 2012 NAS MARIÑAS


Cada ano a celebración do Antroido na escola xira en torno a un conto. O elixido para este, foi o de GARAVANCIÑO (Ed. Kalandraka)

Á volta de Reis comenzamos xa a traballar. Unha comisión de nais e pais elixiron os temas para ambientar os espazos comúns da escola. Distribuíuse o traballo entre os colaboradores tanto para facer na casa, como durante as mañás na propia escola.
Durante todo un mes foron  maquinando, reciclando, pintando, recortando, pegando,  colgando… ata deixar todo estupendo: o Sr tendeiro articulado, a nai e a súa cociña, a casiña (parabéns aos irmáns maiores tamén, Alejandra!), os monigotes, os sembrados, árbores, montes, e o  boi xigante colgado  pola fachada!

 

O día 17 de mañá moitos pais, nais e avoas “marchosas” participaron na gravación dun vídeo. Moitas grazas Alberto cámara/ montaxe e Fer coa música!: sodes dignos pais dos  Leos de 2-3. Pasámolo moi ben!
Pola tarde continuou  a festa no xardín coas piñatas e todas as garavanciñas e garavanciños  disfrutando dun maravilloso día de sol. 

 

É un gusto poder contar con tanta xente ilusionada que nos axude. Queda demostrado que todas/os podemos aportar cousas que enriquezan a vida das nenas e nenos  na escola e facer dela un sitio vivo e compartido. 

 

GRAZAS POLA VOSA COLABORACIÓN!